15 sept 2011

EMPEZAMOS PISANDO FORTE!!

CONCERTO DIDÁCTICO

   Onte achegáronse ata o noso cole un grupo de alumnas/os da banda de música artística de Arcade, acompañados polo seu director, para amosarnos o seu arte no manexo dos instrumentos e animarnos a querer a música.
   É esta a primeira das moitas actividades que, ben seguro, imos ter durante este curso. Pasámolo moi ben e aprendemos moitas cousas: o nome dos instrumentos, de que material están feitos, como soan…
   Dámoslles as grazas polo seu marabilloso concerto e agardamos que algún día haxa alguén que se anime a crear unha banda en Vilaboa.

12 sept 2011

BENVIDOS!!

   A nosa benvida, a todas e todos, ao novo curso 2011-2012.
   Traedes novos folgos para traballar arreo?
   Este verán, Buliño mais eu, acordamos andar de troula por toda Galiza. Coñecemos unha chea de lugares e escoitamos moitísima música de tódolos estilos.
   Despois da interesantísima visita de Carlos Núñez ao noso colexio, quedárannos moitas ganas de saber máis  do mundo dos pentagramas e das corcheas.
   Aínda que aprendemos moitas cousas  quédanos moito por descubrir. Queredes axudarnos a conseguilo?
   Pois… BENVIDOS AO ANO DA MÚSICA!!

3 jun 2011

EN  INGLÉS TAMÉN TRABALLAN AS RECEITAS
Os grupos de 3º e 4º observaron e analizaron catro plantas aromáticas., fixeron a súa descrición e elaboraron receitas con cada unha. Despois cociñaron e comeron dos catro platos para acordar cal lles parecía máis saboroso.





Os grupos de 5º e 6º fixeron unha cata de tés , logo de ler a información sobre a súa orixe e obtención, e cociñaron un pastel de chocolate para acompañala.
Despois da proba cubriron unha ficha cos que lle gustaron máis.




1 jun 2011

RECEITAS PARA BULIÑO
O noso bufiño pediu axuda ao alumnado.
 Buliño quere corrixir os seus hábitos alimenticios,  e mais os do seu pai, e solicitou que lle enviasen receitas lixeiras  e beneficiosa para a saúde.
En poucos días  recibiu unha chea de receitas. Os nosos rapaces nunca lle fallan aos seus amigos.


13 may 2011

A SEMANA CULTURAL
      Do nove ao trece de  maio celebramos, como é costume, a nosa  “SEMANA CULTURAL”  e dende a biblioteca colaboramos facilitando libros para a exposición, a película “O bosque animado” e todo canto material precisaron os mestres e alumnos para preparar as súas actuacións. Lois Pereiro, Movida na fraga




 






  Tamén achegamos a participación de “Marta Varela” unha magnífica contadora de historias . Neste caso fíxonos ver a necesidade de colaborar nas tarefas do fogar e non deixar que o faga todo mamá. Ah! e prometeu volver en xuño con outra historia.

























Este ano recibimos a persoas moi importantes coas que aprendemos unha chea de cousas:

·       Os mariscadores explicaron como é o seu traballo.
·       Tito Otero contounos cousas dos lugares polos que ten viaxado.
                                      

·       O pintor e profesor Huete aprendeunos unha nova técnica de pintura. Como disfrutamos  facendo o xigantesco cadro que adorna o noso corredor!





·       Non nos esquecemos da visita ao horto dos cativos de 1º e 2º que foron uns guías marabilllosos. Noraboa rapaces, estades feitos uns auténticos agricultores.

   



·        E o máis espectacular foi a visita de “Carlos Núñez”, o gaiteiro de fama mundial. Respondeu ás nosas preguntas, escoitou a nosa música e tocou con nós. Foi unha xornada incrible!









10 may 2011

AÍ VÉN O MAIO

Os nenos e nenas de 5º A, seguindo a nosa suxestión de traballar a poesía e aproveitando a festa dos maios, escribiron unhas graciosas críticas en verso , crearon o seu maio e cantaron para todos os membros da comunidade educativa que quixeron escoitalos.
Podedes ver algunhas imaxes da creación do maio e mais da súa actuación.



E tamén traballamos os HAIKUS . Fixádevos que cousas tan bonitas fostes quen de escribir




              Véxote leda,
              pequena e mollada.
              Véxote feliz!

7 may 2011


NOVO LIBRO DE MIGUEL ANXO MOURIÑO
Miguel Anxo Mouriño, o mestre do que a nosa biblioteca leva o seu nome, vén de agasallarnos co seu último libro.
Pertence a unha edición doméstica limitada a 100 exemplares e o noso é o número 2.
É un libriño de versos amorosos e tenros que lle dedicou á súa filla, Maricarmen, no día da súa voda e que se titula “Azul Intenso”.
Moi agradecidos por seguires a encher a nosa biblioteca cos teus libros.


29 abr 2011

GRAN  FESTA  DO  LIBRO
Este ano celebrámola o 15 de abril, pois o 23 cadraba nas vacacións de Pascua, e dedicámolo á poesía.
Houbo poemas en galego, en castelán e ata en inglés.
Lembrámonos de García Lorca, Antonio Machado, Antonio Rubio, Rosalía de Castro, Gloria Sánchez, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, García Teijeiro e Kenn Nesbitt.
 Cada grupo estudou un autor e presentoullo ao resto do alumnado.



 Despois elaboramos un libro con todo este traballo que pasará a formar parte  da nosa sección “Feitos por nós”

22 abr 2011

MELLORAMOS AS NOSAS COMPETENCIAS
O alumnado do terceiro ciclo recibiu información sobre como realizar  presentacións en power point e fixo as súas propias
sobre as árbores do patio que apadriñaron e mais as que rodean o colexio. Para completar este traballo presentáronllo á comunidade educativa e confeccionaron uns libriños que engadiron á exposición. Agora, estes traballos, pasarán a formar parte da biblioteca.




9 abr 2011

PLAN DE MELLORA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

ENCONTROS PLAMBE ( PLAN DE MELLORA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES)

BULI



A responsable da nosa biblioteca, Carmen Jar,  viaxou ata Santiago, o 7 e 8 de abril, para asistir    aos encontros PLAMBE das bibliotecas escolares de Galicia. Chegou marabillada pola cantidade e calidade de traballos que se fan nas bibliotecas
galegas e, por suposto, tamén levou unha mostra dos vosos traballos que non desmerecían nada dos outros.
Contoume que a organización foi excelente e que
chega con novas ideas. Ah! Tamén me dixo a emoción tan grande que experimentou ao ver e escoitar ao grande das nosas letras “Xosé Neira Vilas”