12 dic 2012

Recitandocelsoemilio


Recitandocelsoemilio


  Hoxe, día 12 do 12 do 2012, ás 12 da mañá participamos do acto colectivo “recitandocelsoemilio”  promovido pola Coordinadora Galega de EDNL para cerrar o ano dedicado ao autor polo centenario do seu nacemento.

  As alumnas e alumnos de 5º e 6º contaron algo da biografía de Celso Emilio Ferreiro e recitaron anaquiños dos seus poemas . A continuación puidemos gozar do rap “Deitado frente ao mar” gravado  durante as últimas semanas e no que participou todo o alumnado do colexio.





 Nos próximos días, se o desexades, poderedes cambiar versos do autor escritos por vós, polos que están pendurados no “tendal dos versos “ na Sala de Usos Múltiples.

 Agardamos pola vosa colaboración.

Queres saber máis de Celso Emilio Ferreiro?  Procura neste enlace gl.wikipedia.org/wiki/Celso_Emilio_Ferreiro

4 dic 2012

Club de lectura “BULINDO”


       E chegou o primeiro intercambio de pareceres sobre o libro “Desayuno en tiffany’s” de Truman Capote, e houbo para todos os gustos. A algúns encantoulle e a outros non conseguiu marabillalos. De calquera maneira foi unha xuntanza moi agradable e aprendemos uns dos outros.

 


 

     O libro deste mes é “Laura y Julio” de Juan José Millás e a próxima  reunión será o día 15 de xaneiro de 2013, ás 16:00 horas.

 
 
 
 
 

      Se algunha nai/pai quere unirse ao club aínda está a tempo, só ten que achegarse ata a biblioteca e pedir un exemplar do libro.

30 nov 2012


“CÓNTAME  UN  CONTO”

E volveu a profesora Eva para contar novas historias.

O martes, 20 de outubro, contoulle ao 3º Ciclo “Mil cousas poden pasar”  e o 27 de outubro achegou, ao 1º Ciclo, “A escola de Medrapouco”

 Que marabilla poder contar contigo!


 

É  cultura

É  galega

Que máis se pode pedir?

Que a visites  e goces con ela.

CULTURGAL!!   Dende hoxe e ata o vindeiro domingo,n o Pazo da Cultura de Pontevedra, desenvolverase esta magnífica feira con máis de 200 actividades abertas e gratuítas.

Se queres  máis información visita www.culturgal.com

17 nov 2012


“CÓNTAME  UN  CONTO”

O pasado martes, 13 de outubro, a profesora Eva Rodríguez  agasallou ao alumnado do Segundo Ciclo coa historia “Matapitos.com” de Gloria Sánchez. Tivo unha colaboración especial, a de José Angel, o noso conserxe, e fixérono de marabilla!
 
                                                        

 

Nos próximos martes contará novas historias ao Terceiro e Primeiro Ciclos.

Moitas grazas por regalarnos o teu tempo.

12 nov 2012

COMPARTINDO LIBROS E LECTURAS


Acabamos de poñer en marcha unha nova actividade na nosa biblioteca. Un grupo de nais, pais e profesores acordaron deixar en préstamo, por este ano, algún dos seus libros favoritos. Na primeira reunión cada un explicou un anaquiño do contido dos libros que prestaba.

Ao mesmo tempo, a profesora Eva, facilitounos dez exemplares do libro “ desayuno en Tiffany`s” de Truman Capote, para que todos poidamos ler o mesmo e ,o próximo 4 de decembro, martes, ás catro da tarde, teremos unha xuntanza para comentalo.

Animamos aos pais e nais para que se unan ao noso club de lectura.



28 oct 2012

"DÍA DA BIBLIOTECA"

O pasado, 24 de outubro, abrimos a biblioteca para todos vós. 



Cavernícolas, princesas e señores feudais marabillaron aos presentes, contando as súas aventuras e amosando diversos libros que, ben seguro, todos desexamos ler.



 

 

Dende hoxe podemos acubillarnos nas súas estancias e ler, repousadamente, todas esas historias coas que gozamos tanto.

Pero, ollo! coidade ben dos libros, porque hai un vixiante que se pode anoxar.

   
 
 FELICES  LECTURAS!!
 
BENVIDOS!!
Despois dunhas longas e merecidas vacacións regresamos A TODA MÁQUINA!
O profesor Miguel Anxo Mouriño agasallounos co seu último libro "As noces do Arco da Vella". Este libro dedicoullo ao seu neto, Pablo, e está á vosa disposición.
Eu, como fago con todos os tesouros que me entrega, gardeino nun lugar preferente "A vitrina de Miguel".

GRAZAS por seguir acordándote de nós!!

4 jul 2012

VISITOUNOS IRIA LAURA GARRIDO

O xoves, 24 de maio, visitounos Iria Laura Garrido Meira, unha rapaza de 13 anos estudante de saxo do conservatorio de Redondela . Empezou os seus estudos cando tiña seis anos e xa é unha saxofonista estupenda. Agora sabemos máis cousas deste instrumento e pode ser que alguén se anime a estudalo. Moitas grazas pola túa visita.


UN FINAL DE CURSO EXTRAORDINARIO

Ilustradores de historias Os nenos e nenas de primeiro convertíronse en ilustradores do conto "Paxaros de papel" axudados polo alumnado de 6ºA e o resultado foi excelente como podedes ver nas imaxes. Entrada blog2
View more presentations from Bulibreiro.
">

19 may 2012

VISITAS CINCO ESTRELAS Nos últimos meses recibimos unhas visitas de excepción. Todas elas relacionadas coa música porque, como todos sabedes, ese é o tema deste ano. Estamos moi satisfeitos e agradecidos xa que aprendemos moitas cousas e pasámolo moi ben. Que marabilla que persoas tan importantes nos dediquen un pouquiño do seu tempo.

2 may 2012

HORA DE LER COMPARTIDA

Desde o mes de marzo, e dous días á semana, estamos a desenvolver unha “Hora de Ler” especial. Os alumnos e alumnas de 5º e 6º comparten a lectura cos pequenos de 1º e 2º. Esta actividade está gustando moitísimo.Todos len con interese para conseguir mellorar este aspecto, tan importante na súa formación, e ademais divírtense. Lendo xuntos gústanos máis a “Hora de Ler”.

PARTICIPAMOS NO 12+1 SALÓN DO LIBRO

Volvemos participar no Salón do Libro de Pontevedra cun libro colectivo sobre o tema sinalado. Co título “Crenzas en Cobres” o libro inclúe crenzas, supersticións, amuletos e apócemas que os alumnos e alumnas investigaron nos seus barrios ou crearon eles mesmos. O resultado foi espectacular! Despois do traballo pasámolo ben, participando nos obradoiros e gozando dos traballos, expostos no Salón, entre os que se encontraba o noso libro.

24 abr 2012

PREMIO IRMANDADE DO LIBRO

NORABOA A TODOS E TODAS!
Vimos de recibir unha extraordinaria noticia. A Federación de Libreiros  concedeunos o premio Irmandade do Libro na modalidade de Centros de Ensino.
  As razóns que deron para concedernos o premio son as seguintes: "Pola orixinalidade das súas propostas, pola intensa labor de dinamización do libro e da lectura e pola gran implicación cos nenos máis novos na difusión da lectura utilizando esquemas de traballo imaxinativos e motivadores, o Xurado decidiu dar gañador na modalidade de Centros de Ensino ao: CEP de RIOMAIOR"
Grazas a todos e todas polo voso esforzo e colaboración.
Mil primaveras máis para o colexio Riomaior!


POESÍA EN RIOMAIOR

Celebramos como se merece o "Día da Poesía" cun maratón de lectura de poemas. Os alumnos que quixeron participar escolleron a poesía que máis lles gustou e recitárona a todos cantos quixeron escoitar. Resultou un grande éxito. Poucos días antes celebramos o "Dia de Rosalía" dedicándolle a Hora de Ler, agasallando ao alumnado cun poema da autora e escoitando diversos poemas musicados de Rosalía. Os nosos poetas
View more presentations from Bulibreiro.
">

10 abr 2012

XOGANDO A DESCUBRIR O INSTRUMENTO

   Rematou o xogo no que cada grupo clase tiña que descubrir, despois dunha investigación colectiva, o instrumento musical que agochaba cada unha  das pistas que ía aparecendo semanalmente na aula.

   O agasallo era un instrumento xigante, feito en cartón duro, co nome do grupo investigador. Agora hai 18 instrumentos adornando o corredor da planta baixa e  sabemos máis cousas dos instrumentos estudados.

11 mar 2012

ENTROIDO EN RIOMAIOR

   Como vén sendo habitual, no noso colexio,durante o Entroido decoramos a entrada con Buli e o galo Venancio como protagonistas.

  O venres, 17 de febreiro, celebramos a festa grande.
 Visitounos Gustavo Almeida para falarnos da súa música e do carnaval en Río (Brasil). Despois deu o pregón que anunciaba a troula.


   Houbo acusacións contra Venancio, avogadas defensoras, actuacións musicais dos grandes artistas do colexio, lectura do testamento e queima do galo.







Tamén degustamos unhas riquísimas larpeiradas que aportaron os alumnos/as.

   Un ano máis pasámolo xenial.

POESÍA DE AMOR E MÚSICA


   No mes de febreiro, mes do amor, Buli e Buliño propuxéronlles, aos nenos e nenas, crear  poemas que tiveran como base o amor e a música.

  Todos puxeron a traballar o seu maxín e crearon poesías tan bonitas como esta:

A  MÚSICA  É …

É unha lingua internacional

que soa sen parar.

É unha frase sen final

 que sempre escoitarás.

É un sen fin de sons

cos que tocas unha canción.

É unha maneira de expresar

se sentes dor ou paixón.

É algo xenial

co que poder xogar

É unha maneira de soñar

sen ter que pagar.

É un futuro

para os máis pequenos.

É unha maneira de aprender

nos tempos que están a correr.

É a música.

É unha maneira de falar,

dialogar e non matar.

Amo a música!!

                       Noemí Fernández (6ºA)
Todos  os participantes  recibiron  bibliopuntos e os gañadores,  doces corazóns.