Pola esquerda e de arriba a abaixo, Ángela Ruiz Robles, Aida Fernández Ríos, María Wonenburger, Jimena Fernández de la Vega, Antonia Ferrín, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño e Elisa Fernández de la Vega.
O acceso ao coñecemento foilles prohibido ás mulleres durante moitos séculos, e aínda así foron moitas as que desafiaron os atrancos do tempo que lles tocou vivir e foron quen de facer avanzar a ciencia. Mulleres sabias como a astrónoma Maria Cunitz (1610-1664), que determinou a posición dos planetas mediante cálculos e corrixiu os erros que cometera Kepler; Ada Lovelace (1815-1852), que creou o primeiro algoritmo para ser interpretado por unha máquina, o que lle concedeu o título de primeira programadora do mundo; ou Ellen Swallow Richards (1842-1911), considerada a fundadora da ecoloxía e a enxeñaría ambiental e primeira muller que obtivo un título universitario no MIT, onde foi vetada durante un tempo como profesora porque non se admitían as mulleres nos laboratorios.
Hoxe a lei recoñece na nosa contorna a igualdade das mulleres e dos homes a todos os niveis, pero coma en moitos outros eidos no científico tamén hai fendas que perduran. A educación sexista segue a afastar as mozas das carreiras percibidas como máis tecnolóxicas, como é o caso da informática ou a enxeñería de telecomunicacións, e a discriminación laboral por motivos de xénero tamén deixa pegada neste eido, onde a promoción profesional feminina bate tamén contra o teito de cristal. Co obxectivo de combater estas eivas, a ONU proclamou o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha celebración á que o Portal das Palabras se suma lembrando a pioneiras vinculadas a Galicia, dignas da admiración colectiva e fonte de inspiración para as científicas do futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario