26 dic 2013
16 dic 2013
MENÚ DE NADAL
O Nadal é unha boa oportunidade para conseguir algún libro novo. Non esquezas pedirlle algún aos Reis Magos.
Se non cho traen, non te preocupes, vén á miña casa, aquí hai todos os que che recomendo.
Ah! Non te esquezas de ler e ser feliz.
BOAS FESTAS!!
9 dic 2013
Día Internacional dos Dereitos Humanos
Mañá, martes, 10 de decembro de 2013, celébrase o DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS e NELSON MANDELA foi un dos seus principais defensores.
O pasado día 6 deste mes de decembro, morría Madiba, como se coñecía cariñosamente.
Loitou toda a súa vida contra as diferenzas de clases e razas, entre negros e brancos, contra as inxustizas e converténdose nun símbolo mundial da liberdade e da tolerancia.
“Atesorei o ideal dunha sociedade libre e democrática, na que as persoas poidan vivir xuntas, en harmonía e con igualdade de oportunidades. É un ideal polo que estou disposto a morrer” Nelson Mandela, 1961.
Isto foi o que dixo ante o tribunal que o xulgaba. E foi ao cárcere 27 anos. Afortunadamente non tivo que morrer por estas ideas.
25 nov 2013
25 de NOVEMBRO “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller”
Que significa MALTRATAR?
Maltratar é tratar mal.
Cando pelexamos e nos pegamos, facémonos dano. Pero ás veces tamén facemos dano cando nos burlamos doutra persoa, cando utilizamos o insulto, cando non deixamos que outro neno ou nena xogue no noso equipo, e cando permitimos que unha compañeira ou un compañeiro estea só.
Hoxe, 25 de novembro, celébrase o “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller”.
A conmemoración deste día ten por finalidade sensibilizar á sociedade da gravidade deste problema ademais de facernos reflexionar sobre o mesmo.
A violencia de xénero non desaparecerá mentres non se acade a igualdade real e efectiva entre ambos sexos.
7 nov 2013
Volve o club de lectura de adultos “BULINDO”
Con esta actividade
pretendemos conseguir, ademais do pracer de ler, a riqueza que supón compartir esa
experiencia, poder coñecer distintos puntos de vista e sentirte vencellado a outras persoas grazas
aos libros.
O libro deste mes “FAHRENHEIT
451” esconde unha dura
crítica á sociedade norteamericana de 1953. Unha civilización onde a liberdade
non está permitida, onde a lectura está absolutamente prohibida.
Se alguén máis quere unirse
ao grupo, aínda está a tempo.
25 oct 2013
A BIBLIOTECA REABRE AS SÚAS PORTAS
Hoxe, por fin, soubemos o que se estaba a
cocer na “Cociña de Buli”.
Todos agardabamos con impaciencia a chegada
deste día e, abofé, que non decepcionou a ninguén. Un menú moi apetitoso estaba
a agardar por nós.
As culleres “Tere” e “Bea” déronnos a benvida e ofrecéronse a
colaborar
co noso chef, Buli.
As cociñeiras “Fani” e “Bea” elaboraron, cunha
gran dose de maxia e simpatía, fermosas historias nas que non faltou ningún
ingrediente.
Finalmente,
no comedor do afamado restaurante, puidemos saborear os fantásticos pratos da
man dos comensais: “Mariño”, “Carmen”,
Ainhoa”, “Ana” e “Celia”.
Todos marchamos cun saboroso regusto e moi
satisfeitos polo exquisito banquete que compartimos.
Ben seguro que visitaremos, a miúdo, o noso excelente restaurante .
Noraboa e grazas por todo, Buli e colaboradores.
24 oct 2013
17 oct 2013
15 oct 2013
Día Mundial da Alimentación
16 de
outubro:
Día Mundial da Alimentación
O Día Mundial da
Alimentación celébrase dende o ano 1979 e o seu propósito é chamar a atención de todos os países para que apliquen políticas axeitadas que
reduzan a fame e a desnutrición no mundo.
Un de cada catro nenos menores de cinco anos sofre
retraso no crecemento como consecuencia dunha mala alimentación e máis de 2000
millóns de persoas non teñen as vitaminas nin os minerais necesarios para ter
unha boa saúde.
Tampouco podemos esquecer que máis de 1400
millóns de persoas teñen sobrepeso, un terzo das mesmas son consideradas
obesas e habitualmente presentan problemas de saúde.
Que solución plantexarías a esta
grave situación?
A FAO propón un cambio de comportamento
e apunta á necesidade de reducir o desperdicio alimentario, recordemos que 1.300 millóns de toneladas de alimentos
tíranse ao lixo, alimentos que axudarían a reducir a fame e a malnutrición
6 oct 2013
BENVIDA AO NOVO CURSO 2013-2014
Este ano dedicado ao saboroso mundo dos alimentos e da cociña e aquí estou eu, transformado en cociñeiro, para prepararvos ricas sorpresas.
O noso corpo precisa alimento para vivir e os libros son un excelente alimento para a alma. Mirade a relación que establece a escritora Fina Casalderrey entre os libros e a cociña:
“Gozar dun prato e saborear un libro teñen moitas semellanzas: a textura, a cor, o autor, o lugar en que se degusta, a compaña, o momento...”
Pois ben, collede o que máis vos guste, ulídeo, apreciade a súa textura, a súa cor e saboreade lentamente o que vos quere contar.Bo proveito!!
24 may 2013
CLUB de LECTURA "LETRAFERIDOS"
Botou a andar o club de lectura, de 5º nivel, “Letraferidos”. O nome foi unha suxestión do profesor Miguel Anxo Mouriño, que sempre acode ás nosas chamadas con prontitude.
Nesta ocasión pedímoslle que nos acompañase, o 24 de abril, para participar no noso club. Ese día iamos comentar “O reino ideal” e “Os arriscados” . Achegounos moita información sobre os seus libros, seguímolo con moito interese e non faltaron as preguntas máis curiosas e sorprendentes. Un luxo de experiencia!
Moitas grazas!!
CLUB DE LECTURA “BULINDO” DE NAIS, PAIS e MESTRES
Continúa o club de adultos con bastante éxito. No mes de abril comentamos os libros:
“Anagnórise” de Mª Victoria Moreno e “Adiós María” de Xohana Torres.
Cada un dos membros do club aportou a súa visión e coincidimos en que, a pesares de ser escritos hai tempo, a súa temática está de plena actualidade. Tamén observamos a riqueza de expresións en galego e lembramos algunhas que case tiñamos esquecidas.
Para o mes de maio escollemos “La impaciencia del corazón” de Stefan Zweig.
COMPARTINDO LECTURAS
Durante os meses de abril e maio o alumnado do terceiro ciclo comparte lecturas cos cativos de 1º e 2º. Esta é unha actividade iniciada no curso 2011-2012 con excelentes resultados e que semella ir por bo camiño, as súas cariñas de interese así o demostran.
1 may 2013
FEIRA-TROCO DO LIBRO USADO
O alumnado, que así o quixo, trouxo algúns dos seus libros para trocar por outros .
Houbo tres mesas, unha para cada ciclo, con libros para poder escoller e cambiar polas súas tarxeta-libro . Cada alumno/a tiña tantas tarxetas como libros entregara para a feira.
ABRIL, MES DOS LIBROS
No mes de abril fixemos varias actividades destinadas a fomentar os libros e a lectura.
Destacamos entre elas:
A gran festa do libro (23 de abril) cunha cálida homenaxe a Eva Rodríguez Ferreiros, mestra xubilada do noso colexio e autora, polo de agora, de dous libros compartidos.
Logo dunha entrevista, que contestou amablemente, non faltaron a presentación con datos da súa vida e obra, poemas, contos , relatos en verso ou acrósticos creados especialmente para ela.
Resultou un acto fermoso e emotivo.
10 mar 2013
PARTICIPAMOS E VISITAMOS O SALÓN DO LIBRO
Participamos no XIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra co noso libro "Maquiviaxando" creado por todo o alumnado do centro coa axuda das súas titoras/es.
Unha actividade na que xa hai bastante tempo que colaboramos e da que nos sentimos
moi satisfeitos.
Unha actividade na que xa hai bastante tempo que colaboramos e da que nos sentimos
moi satisfeitos.
7 mar 2013
8 de marzo "Día da muller"
O Día da muller
traballadora conmemora a loita da muller, a través
do tempo, para poder gozar dos mesmos dereitos que os homes e ter o mesmo
recoñecemento na sociedade. Aínda que isto mellorou, seguen existindo
situacións de discriminación e mesmo de maltrato. Nas mans das xeracións
futuras está conseguir unha convivencia en verdadeira igualdade, a través do
respecto e a tolerancia.
Deixámosvos
dous contos para reflexionar.
25 feb 2013
Homenaxe a Rosalía
O venres, 22 de febreiro, celebramos o “Día de
Rosalía”.
Na “Hora de Ler” xuntámonos na Sala de Usos
Múltiples para lembrarnos da nosa
poetisa máis senlleira no 150 aniversario da publicación do seu libro “Cantares
Gallegos”.
Foi
unha fermosa homenaxe.Se queres saber máis cousas sobre Rosalía preme na rosa.
18 feb 2013
VISITOUNOS ÁNGELO TORRES
Ángelo Torres,
contador de historias natural de Sâo Tomé e Príncipe, é o tío de Sabela, unha alumna
de 2º. Grazas a ela, que o convidou para
vir ao noso colexio, puidemos gozar das súas interesantes historias africanas.
Contounos que actualmente
vive en Lisboa pero que viaxa moito. Sabe varios idiomas e as historias
aprendeunas da súa avoa, que premiaba aos nenos que se bañaban cun conto.
Coas tres historias que
nos contou mantívonos expectantes tanto pola súa beleza como pola mensaxe que
transmitían.

Quedamos encantados e agardamos
que repita a visita.
“MUITO OBRIGADOS”
24 ene 2013
FINA CASALDERREY NA REAL ACADEMIA GALEGA
UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA
A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria.
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada, escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!
Artigo extraído de : http://redelectura.blogspot.com.es/2013/01/unha-escritora-de-lix-na-academia.html
20 ene 2013
CLUB de LECTURA "BULINDO"
Segue o éxito do noso club de lectura de adultos e toca ler, neste mes, un clásico da nosa narrativa “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas.
Libro fundamental na literatura galega que forma parte da memoria emocional dunha ampla xeración. Traducido a diversas linguas e con centos de miles de exemplares vendidos é unha marabillosa testemuña literaria dunha Galicia realmente existente a mediados do século XX. Unha auténtica xoia que todos os galegos debemos ter presente nas nosas bibliotecas e no noso corazón.
Novo agasallo
Catro novos libros forman parte da vitrina que Miguel Anxo Mouriño ten na nosa biblioteca e que, pouco a pouco, se vai enchendo coa súa obra.
Neste caso non son propiamente libros seus senón colaboracións.
Miguel é director da sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos e encárgase do asesoramento lingüístico.
Por se fose do voso interese, os libros cedidos desinteresadamente para a biblioteca son:
“Crónica rimada de Baiona e o seu mar” de Xosé María Álvarez Blázquez.(Introdución e asesoramento lingüístico de Miguel A. Mouriño)
“Retallos de Gondomar de Miñor” (Colabora con dous artigos: Paisaxe xeográfica e humana e Pazo de Barreiro)
“Monografía REM- Revista de Estudos Miñoranos- Victoriano Taibo”.(Colaborador)
“Da agra aberta. Contos e Lendas” de Victoriano Taibo (Prólogo e asesoramento lingüístico)
Suscribirse a:
Entradas (Atom)