UN PODE SER FELIZ EN RIOMAIOR (MIGUEL ANXO MOURIÑO)

24 may 2013

CLUB de LECTURA "LETRAFERIDOS"

Botou a andar o club de lectura, de 5º nivel, “Letraferidos”. O nome foi unha suxestión do profesor Miguel Anxo Mouriño, que sempre acode ás nosas chamadas con prontitude. Nesta ocasión pedímoslle que nos acompañase, o 24 de abril, para participar no noso club. Ese día iamos comentar “O reino ideal” e “Os arriscados” . Achegounos moita información sobre os seus libros, seguímolo con moito interese e non faltaron as preguntas máis curiosas e sorprendentes. Un luxo de experiencia! Moitas grazas!!

CLUB DE LECTURA “BULINDO” DE NAIS, PAIS e MESTRES

Continúa o club de adultos con bastante éxito. No mes de abril comentamos os libros: “Anagnórise” de Mª Victoria Moreno e “Adiós María” de Xohana Torres. Cada un dos membros do club aportou a súa visión e coincidimos en que, a pesares de ser escritos hai tempo, a súa temática está de plena actualidade. Tamén observamos a riqueza de expresións en galego e lembramos algunhas que case tiñamos esquecidas. Para o mes de maio escollemos “La impaciencia del corazón” de Stefan Zweig.

COMPARTINDO LECTURAS

Durante os meses de abril e maio o alumnado do terceiro ciclo comparte lecturas cos cativos de 1º e 2º. Esta é unha actividade iniciada no curso 2011-2012 con excelentes resultados e que semella ir por bo camiño, as súas cariñas de interese así o demostran.

1 may 2013

FEIRA-TROCO DO LIBRO USADO

O alumnado, que así o quixo, trouxo algúns dos seus libros para trocar por outros . Houbo tres mesas, unha para cada ciclo, con libros para poder escoller e cambiar polas súas tarxeta-libro . Cada alumno/a tiña tantas tarxetas como libros entregara para a feira.

ABRIL, MES DOS LIBROS

No mes de abril fixemos varias actividades destinadas a fomentar os libros e a lectura. Destacamos entre elas: A gran festa do libro (23 de abril) cunha cálida homenaxe a Eva Rodríguez Ferreiros, mestra xubilada do noso colexio e autora, polo de agora, de dous libros compartidos. Logo dunha entrevista, que contestou amablemente, non faltaron a presentación con datos da súa vida e obra, poemas, contos , relatos en verso ou acrósticos creados especialmente para ela. Resultou un acto fermoso e emotivo.